Friday 03 de May de 2024

O Proxecto “Acende O Xacobeo” remata este xoves iluminado monumentos históricos en Santiago, Muxía e Fisterra desde mañá pola tarde


Trenor informou que desde mañá 29 de decembro e ata o xoves 31 de decembro iluminaranse o faro de Fisterra, o santuario da Virxe da Barca, 3 edificios en Santiago e a Torre do Reloxo da Catedral
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que dentro do programa “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 93 monumentos singulares de toda España, mañá 29 de decembro iniciarase a fase 3 que iluminará o faro de Fisterra, o santuario da Virxe da Barca, a igrexa de San Bieito do Campo, San Caetano, as Torres Hejduk e a Torre do Reloxo da Catedral.
En total, con esta última fase participaron no proxecto 14 edificios emblemáticos da provincia coruñesa.
Foron monumentos representativos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola provincia, aos que se sumaron outros 27 monumentos do resto de provincias galegas e 49 doutras 10 autonomías que colaboraron na iniciativa.
A iluminación nos concellos galegos levouse a cabo de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar a partir de mañá a Santiago, Fisterra e Muxía evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase ilumináronse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.
Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectouse durante o período un vídeo de animación que tamén recrea a peregrinación a Compostela.
Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguiu a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realízase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato están presentes durante todo o Nadal.
Trenor destacou que esta é unha iniciativa máis dentro do Xacobeo 2021 que comeza esta semana e que suporá unha oportunidade histórica para a reactivación do sector turístico e da economía galega e tamén para proxectar Galicia no exterior, a través dun elemento de referencia tanto a nivel nacional como internacional como é o Camiño de Santiago.
O delegado da Xunta puxo en valor a implicación de todos os concellos galegos nun Xacobeo diferente e descentralizado debido á covid-19 pero o mellor dos Xacobeos posibles, do que asegurou que tódolos turistas e peregrinos que se acheguen a Galicia van poder desfrutar con tódalas garantías grazas a todas as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro.